Xornadas de cine, música, tradición e misterio: charla especializada, curtas, concerto, obradoiro infantil e pasaxe de terror en Castrelo de Miño.

No corazón de Astariz, alí onde o Miño susurra vellas lendas e o chan garda a memoria de quen fomos, naceu algo máis ca unha cita no calendario: unha forma de acender o noso rural a través do misterio, o cinema e a tradición.
O Folk Horror Festival xorde dende a Asociación Cultural Aldea Vella coa convicción de que as nosas aldeas non son un escenario esquecido, senón un territorio vivo, cheo de forza e historias por contar. Enfrontamos o reto de dinamizar o rural sen perder a nosa esencia, demostrando que a cultura de vangarda, o cinema de xénero e os saberes máis nosos poden e deben ter o seu lugar aquí, na casa.
Chegamos á nosa IV Edición consolidando unha aposta que nos define:
Non é só mirar cara ás sombras con curiosidade; é entender que a nosa memoria, as nosas lendas e o noso pobo teñen moito que dicirlle ao mundo. O Folk Horror Festival é o noso xeito de dicir que o rural está ben vivo, que aquí seguimos e que o futuro tamén se escribe dende a terra.



Cinco citas entre o 10 e o 24 de outubro, en Castrelo de Miño e Astariz.
Onde a noite cobra vida entre os calexóns
Cando a luz do día se apaga en Astariz, os vellos camiños do pobo deixan de ser paso tranquilo para converterse no escenario da nosa Pasaxe do Terror. Un percorrido polas rúas, eiras e esquinas de sempre, transformadas por unha noite onde o misterio, o imaxinario colectivo e a sombra das nosas propias lendas toman o control.
Neste percorrido non hai escenarios artificiais nin paredes de cartón: o decorado é a historia viva de Astariz. As pedras dos muros, o balbo dos arbores e o silencio da noite serven de marco para unha experiencia onde a veciñanza se une para dar vida ás sombras do noso folclore e ao mellor do terror clásico.
Atrévete a cruzar o limiar e camiñar por Astariz como nunca antes o fixeches. Porque nesta noite, a aldea fala... e as súas rúas gardan sorpresas para quen se atreva a adentrarse en elas.
Escríbenos ou séguenos nas redes para non perder ningunha novidade do festival.